Xermade arranca este venres o XXV Encontro Internacional de Torneiros da Madeira

O XXV Encontro Internacional de Torneiros da Madeira celebrarase desde hoxe ata o domingo no polideportivo de Xermade. A cita contará coa participación de destacados profesionais como Jean François Escoulen, Carlyn Lindsay, Aitor Martínez, Adrián Pena e Lolo Castro, que impartirán obradoiros ao longo das tres xornadas.
O evento conta novamente co apoio da Deputación de Lugo, que contribúe cunha achega económica próxima aos 10.000 euros e coa impresión de 600 exemplares dun libro elaborado con motivo do 25 aniversario desta cita.
O presidente da Deputación, José Tomé Roca, salientou que “este evento representa o mellor do que somos como provincia: un territorio orgulloso das súas raíces, comprometido coa súa cultura e capaz de proxectarse ao mundo desde o corazón do rural”. Tamén quixo destacar “a dimensión internacional do Encontro, que nesta edición volverá contar con artesáns e artistas doutros países. Esa diversidade é unha riqueza que fortalece o evento, amplía horizontes e sitúa a Xermade como un punto de encontro entre tradicións e culturas diversas”.
Tomé Roca explicou que a colaboración da institución provincial chega a través do Plan Deputación de Cooperación cos Concellos, “unha ferramenta clave para apoiar iniciativas que nacen da propia realidade do territorio”. Ademais, subliñou o apoio directo ao colectivo de torneiros mediante a contribución á edición dun libro que recolle a historia deste oficio en Xermade, os seus protagonistas, a evolución do Encontro ao longo das décadas e o valor inmenso que representa esta tradición para a cultura e o futuro da provincia.
PROGRAMA
O venres, ademais dos obradoiros e da exposición de pezas elaboradas polos participantes, terá lugar ás 13:00 horas a inauguración oficial do encontro, xunto coa presentación do libro conmemorativo polos 25 anos desta cita de referencia internacional.
O programa continúa o sábado 20 cunha nova xornada de obradoiros, exposicións e coa XVII Exposición CONtornoS, que estará aberta mañá e tarde.
Finalmente, o domingo 21 celebraranse os últimos obradoiros e exposicións pola mañá, ademais da clausura oficial do Encontro, prevista para as 12:00 horas.
Este evento, consolidado como un dos máis relevantes do sector a nivel europeo, volve converter Galicia no epicentro da tornería artística e artesanal, unindo profesionais, afeccionados e público xeral arredor da creatividade e da madeira.