Xermade arranca o programa de Nadal co acendido do alumeado
O Concello de Xermade anunciou unha completa programación para festexar o Nadal, que se estenderá desde o 5 de decembro ata o 5 de xaneiro. As celebracións darán comezo estes xoves co tradicional acendido das luces de Nadal na Praza do Concello ás 20:00 horas, acompañadas de chocolate quente e biscoitos para a veciñanza. O día 23, organizouse unha visita a Xuvenlugo, con saída desde a Praza do Concello ás 15:30 horas, unha actividade con prazas limitadas que require inscrición previa no teléfono 678 744 178.
O 24 de decembro, Papá Noel visitará Xermade ás 17:00 horas na Unidade de Atención Temperá, situada na antiga Casa do Médico, onde os máis pequenos poderán vivir a maxia do Nadal. A programación continúa o 27 de decembro coa representación do espectáculo circense A verdadeira historia de Hamelín na Nave de Momán ás 17:30 horas, dirixido a público familiar.
Xa en xaneiro, o día 3, terá lugar Circanela, un espectáculo que combina circo, danza e acrobacias na Escola Habaneira de Roupar, tamén ás 17:30 horas. Finalmente, o 5 de xaneiro, véspera de Reis, Xermade recibirá ás súas Maxestades os Reis Magos no Pavillón Municipal a partir das 16:00 horas, nun acto cheo de ilusión para todas as familias.
Ademais, a programación inclúe o V Concurso de Decoración de Nadal, unha oportunidade para a veciñanza de participar de forma creativa na celebración. As bases e inscricións están dispoñibles na web do Concello, cun prazo límite ata o 19 de decembro.