Xermade celebra este martes o Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia
Este martes, ás 11:00 horas, terá lugar no cemiterio de San Mamede de Momán, en Xermade, un acto conmemorativo polo Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia, promovido pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, en colaboración coa UNED Sénior da Coruña, o Concello de Xermade e a Xunta de Galicia.
No evento, colocarase unha placa na porta do cemiterio en homenaxe ás persoas falecidas, substituíndo unha antiga lápida en castelán por unha nova en galego. Este novo epitafio estará dedicado a Don Jesús Paz Paz, coñecido como Suso O Panadeiro, destacado defensor da Feira de Momán e impulsor do grupo Novas estrelas.
O acto contará coa participación de figuras destacadas como Cristina Varela García (Irmandade Xurídica Galega), Luis Ángel Rodríguez Patiño (párroco e coordinador da UNED Sénior da Coruña), Verónica Amarelo Morado (concelleira de Cultura), Roberto García Pernas (alcalde de Xermade) e Lucía Paz Calvo, filla do homenaxeado, en representación da familia.
Para pechar a xornada, haberá unha actuación musical a cargo da Aula de Música da UNED Sénior, dirixida por Francisco Cupeiro.
Esta iniciativa, cun profundo simbolismo cultural e lingüístico, busca reafirmar o compromiso co uso da lingua galega en todos os ámbitos e preservar a memoria daqueles que contribuíron ao seu fomento e difusión.