Xermade celebra o Día do Cine con dúas proxeccións
O Concello de Xermade celebrará o día do Cine Español, que ten lugar o 6 de outubro, con dúas proxeccións en Roupar e Cabreiros.
A primeira delas será o propio día 6, ás 20.00 horas na Casa Habanera de Roupar. Poderá verse o film Las Niñas, de Pilar Palomero, premio Goya á mellor película. Ambientada no ano 1992. Celia, de 11 anos, vive en Zaragoza e estuda nun colexio de monxas ao que chega Brisa desde Barcelona. Brisa empuxará a Celia cara á adolescencia e descubrirá que a vida ten moitas verdades e mentiras.
Ao día seguinte, ás 18.30 horas poderá verse Valentia na Casa Escola de Cabreiros. Película de Chelo Loureiro, premio Goya á mellor película de animación. Valentina soña con ser trapecista e cre que por ter síndrome de Down non poderá conseguilo, pero a súa avoa, compañeira de xogos, aprendizaxes e cancións, asegúralle que, se as eirugas conseguen converterse en bolboretas, nada é imposible. E que nunca debemos perder a ilusión nin as ganas de aprender, as mesmas que ela pon, aínda á súa idade, no seu afán de converterse en directora de orquestra.