Xermade celebra o Día Internacional da Muller cunha ampla programación de actividades

TerraChaXa
Comezará o xoves 6 de marzo ás 18:00 horas na Biblioteca Municipal de Xermade, cunha sesión de narración oral escénica e teatro de obxectos
programa-dia-muller-xermade
4 Mar 2025

O Concello de Xermade organiza diversas actividades para conmemorar o Día Internacional da Muller, ofrecendo propostas culturais e de convivencia que destacan o papel das mulleres na sociedade. O programa desenvolverase entre os días 6 e 9 de marzo, con eventos abertos á participación da veciñanza.

As actividades comezarán o xoves 6 de marzo ás 18:00 horas na Biblioteca Municipal de Xermade, cunha sesión de narración oral escénica e teatro de obxectos titulada Cousas da miña avoa. A cargo de Cristina Kolumelah, a representación evocará a memoria das historias transmitidas polas avoas, relatando vivencias, traballos e momentos de encontro na vida cotiá das aldeas. A proposta está dirixida ao público familiar.

O sábado 8 de marzo ás 21:30 horas, o Restaurante O Paso de Candamil acollerá a XVII Cea da Muller de Xermade, un evento que promove a convivencia e a celebración colectiva. O prezo será de 25 euros para mulleres empadroadas e 30 euros para non empadroadas, mentres que as nenas de entre 6 e 12 anos poderán asistir por 12,50 euros. A cea contará coa actuación de Verónica Cambón e un reparto de agasallos. As prazas son limitadas, e a inscrición deberá realizarse no Concello antes do 3 de marzo, sendo imprescindible o pagamento no momento da reserva.

A programación pecharase o domingo 9 de marzo ás 18:00 horas na Nave da Feira de Momán coa obra teatral Expedición ás Ninguéns, da compañía Hipnótica Circo Teatro. Este espectáculo, que mestura maxia, manipulación de monicreques, malabares e música en directo, busca xerar novos referentes femininos e visibilizar ás mulleres no ámbito escénico. A historia segue ás personaxes A Intrépida e Frouxa Risa na súa viaxe cara ao Templo da Sabedoría, nunha aventura chea de sorpresas e reflexións. O evento está pensado para público familiar.

Esta programación, impulsada polo Concello de Xermade no marco do Programa Dinamiz-ARTJ, conta co apoio do Instituto para a Transición Xusta (ITJ) e da Fundación Ciudad de la Energía (CIUDEN), reafirmando o compromiso coa igualdade e a promoción da cultura como ferramenta de transformación social.

⚙ Configurar cookies
0.069978952407837