Xermade celebra o Día Internacional da Muller cunha cea e teatro

O Concello de Xermade organiza dúas actividades para conmemorar o Día Internacional da Muller. O programa desenvolverase entre os días 7 e 8 de marzo, con eventos abertos á participación da veciñanza.
O sábado 7 de marzo ás 21:30 horas, o Restaurante O Paso de Candamil acollerá a XVIII Cea da Muller de Xermade, un evento que promove a convivencia e a celebración colectiva. O prezo será de 25 euros para mulleres empadroadas e 30 euros para non empadroadas, mentres que as nenas de entre 6 e 12 anos poderán asistir por 12,50 euros. A cea contará coa actuación do trío Iris e un reparto de agasallos. As prazas son limitadas, e a inscrición deberá realizarse no Concello antes do 3 de marzo, sendo imprescindible o pagamento no momento da reserva. O menú contará con paella, pescada en salsa americana, bebida, sobremesa e café
A programación pecharase o domingo 8 de marzo ás 19:00 horas na Escola Habaneira de Roupar coa obra teatral Tula Varona, da compañía Brama Teatro. Da colección de Femininas. Seis historias amorosas, de Valle Inclán, esta compañía rescata un clásico que vén encher con humor, música e narración oral o texto dun dos escritores modernistas máis tradicionais.
Tula Varona é unha muller forte e orgullosa, tan fermosa que chea de poder na súa feminidade, tan canalla como íntegra, afeita a beber e fumar, a desbotar amantes, en definitiva, unha muller adiantada ao seu tempo.
Esta programación, impulsada polo Concello de Xermade no marco do Programa Dinamiz-ARTJ, conta co apoio do Instituto para a Transición Xusta (ITJ) e da Fundación Ciudad de la Energía (CIUDEN), reafirmando o compromiso coa igualdade e a promoción da cultura como ferramenta de transformación social.