Xermade celebra Santa Icía cunha sesión de blues no colexio

O CEIP de Xermade celebrará o luns 24 de novembro, ás 12.10 horas, a festividade de Santa Icía cun espectáculo especial a cargo de Blues & Kids, o proxecto artístico de Andy da Silva que pretende achegar o blues ao público infantil dun modo didáctico e entretido.
Ao longo da actividade, o alumnado realizará unha viaxe polas raíces do blues nos Estados Unidos do século XIX e poderá coñecer a evolución deste xénero musical ata a súa transformación no rock & roll. A proposta permitirá tamén descubrir a evolución dos instrumentos empregados: desde a voz e a percusión corporal ata elementos tradicionais como as culleres e as táboas de lavar, e outros máis actuais como o banjo, a guitarra ou a batería.
O centro prevé que esta será unha forma perfecta de conmemorar Santa Icía, aprendendo, emocionándose e gozando da música. A iniciativa enmárcase no programa Dinamiz-ARTj, promovido polo Instituto para a Transición Xusta (ITJ) e a Fundación Ciudad de la Energía (CIUDEN).