Xermade completa as actividades do 25N cunha andaina, unha concentración e teatro

O Concello de Xermade continúa coa súa programación con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. As actividades buscan dar visibilidade á loita colectiva das mulleres e fomentar a reflexión social sobre a violencia de xénero.
A programación arrincou o domingo 16 de novembro en Roupar coa proxección da peza teatral Golpes, protagonizada por Pamela. Continuará este domingo 23 de novembro ás 11.00 horas, desde a Praza do Concello, cando se celebrará unha andaina contra a violencia, cun percorrido de aproximadamente sete quilómetros, aberta á participación veciñal.
Xa o martes 25 de novembro ás 12.00 horas, tamén na Praza do Concello, terá lugar a lectura dun manifesto e un minuto de silencio en lembranza das vítimas de violencia machista.
Como peche, o sábado 29 de novembro ás 19.00 horas, na Escola Habaneira de Roupar, representarase Lavandeiras, unha homenaxe ás mulleres, á súa forza colectiva e á súa voz. A obra lembra que cada historia lavada no río é tamén unha historia de loita e memoria compartida.
O programa forma parte da iniciativa Dinamiz-ARTj, promovida polo Instituto para a Transición Xusta (ITJ) e a Fundación Cidade da Enerxía (CIUDEN), coa colaboración da Xunta de Galicia e do Concello de Xermade.