Xermade conmemora o 25N con actividades para visibilizar a loita contra a violencia machista

O Concello de Xermade presenta unha ampla programación con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. As actividades buscan dar visibilidade á loita colectiva das mulleres e fomentar a reflexión social sobre a violencia de xénero.
A programación arrinca o domingo 16 de novembro ás 18.00 horas na Escola Habaneira de Roupar coa proxección da peza teatral Golpes, protagonizada por Pamela, unha moza que consegue falar abertamente dos malos tratos sufridos e da superación persoal tras crer nos falsos mitos do amor romántico.
O domingo 23 de novembro ás 11.00 horas, desde a Praza do Concello, celebrarase unha andaina contra a violencia, cun percorrido de aproximadamente sete quilómetros, aberta á participación veciñal.
Xa o martes 25 de novembro ás 12.00 horas, tamén na Praza do Concello, terá lugar a lectura dun manifesto e un minuto de silencio en lembranza das vítimas de violencia machista.
Como peche, o sábado 29 de novembro ás 19.00 horas, na Escola Habaneira de Roupar, representarase Lavandeiras, unha homenaxe ás mulleres, á súa forza colectiva e á súa voz. A obra lembra que cada historia lavada no río é tamén unha historia de loita e memoria compartida.
O programa forma parte da iniciativa Dinamiz-ARTj, promovida polo Instituto para a Transición Xusta (ITJ) e a Fundación Cidade da Enerxía (CIUDEN), coa colaboración da Xunta de Galicia e do Concello de Xermade.