Xermade contará o sábado cun obradoiro de coiro

O Concello de Xermade acollerá o sábado 18 de outubro unha nova sesión do programa Mans Artesás 2025, unha iniciativa impulsada pola Deputación de Lugo que percorre as diferentes comarcas da provincia co obxectivo de achegar a cultura artesanal á cidadanía e poñer en valor os oficios tradicionais.
Nesta ocasión, Xermade será escenario dun obradoiro de coiro, no que as persoas participantes poderán aprender durante unha hora a traballar este material mediante técnicas artesás guiadas por profesionais do sector. A actividade é gratuíta, inclúe todos os materiais necesarios e non require experiencia previa, tan só ganas de crear e descubrir a arte do coiro.
As sesións desenvolveranse na nave municipal do Polígono Industrial de Xermade, en catro quendas: ás 10:00, 11:00, 12:00 e 13:00 horas. As prazas son limitadas e as inscricións poden realizarse no teléfono 678 74 41 78.
Desde a organización lembran que as persoas menores de 12 anos deberán asistir acompañadas e animan á veciñanza a participar nesta proposta que combina creatividade, aprendizaxe e tradición. O programa Mans Artesás busca fomentar a artesanía, dinamizar a economía local e favorecer a integración social, consolidándose como un proxecto que leva a arte da man a cada recuncho da provincia.