Xermade crea unha web e unha aplicación móbil para os seus roteiros

TerraChaXa
O Concello de Xermade vén de por en marcha unha páxina web e unha aplicación para móbiles cos roteiros do termo municipal.
web xermade roteiros
11 Mar 2021

O Concello de Xermade vén de por en marcha unha páxina web e unha aplicación para móbiles cos roteiros do termo municipal, aplicacións que serven de axuda ao servizo de información turística municipal. Esta proxecto foi desenvolvido en virtude dun convenio coa Axencia de Turismo de Galicia.

A aplicación vai acompañada dunha plataforma web específica que permite de forma cómoda desde un PC a consulta previa de toda a información asociada aos roteiros de sendeirismo.

Así, desenvolveron unha aplicación informática denominada Camiños de Xermade (dispoñible para sistemas operativos de telefonía móbil IOS e Android) e unha web na dirección http://xermade.elcaminoentumano.com/. A información estrutúrase en dous grupos, por unha banda a dos roteiros e pola outra a dos recursos turísticos asociados.

Dentro da primeira hai información xeral sobre os camiños, que inclúe descrición dos mesmos, características xerais tales como lonxitude e tempo estimado de percorrido, así como unha completa galería fotográfica de cada un e os seus recursos turísticos asociados. Ademais, ofrecen información detallada sobre os roteiros.

Neste apartado pódese consultar o tipo de pavimento de cada tramo, a pendente clasificada (como elemento indicativo da súa dificultade), o perfil do roteiro, a accesibilidade (clasificada tamén por tramos en función se é accesible a minusválidos, se se pode percorrer en todo terreo, etc. a efectos de mantemento e auxilio en roteiro), os puntos e zonas de especial dificultade (cruces perigosos, zonas esvaradías, escaleiras, zonas inundables, cruces de leitos), etc.

Os roteiros que aparecen na aplicación son o Camiño Real da Carba, o do Batán de Folgoso, o dos Pasos da Pontenova e o do río Trimaz. Tamén contén datos, información e fotografías dos recursos turísticos destacados do municipio xeolocalizados sobre a cartografía dispoñible cunha unha completa galería fotográfica do elemento sinalizado. Contén toda a información adicional que o visitante pode necesitar como servizos de aloxamento, rrestauración o sanitarios así como elementos patrimoniais, naturais, lúdicos ou singulares.

0.17303705215454