Xermade destinará 57.000 euros do Agader a obras en vías rurais

TerraChaXa
Xunta de Goberno Local do Concello de Xermade aprobou a solicitude de varias liñas de axudas convocadas pola Xunta de Galicia.
obras xermade agader
12 Mar 2021

A Xunta de Goberno Local do Concello de Xermade aprobou a solicitude de varias liñas de axudas convocadas pola Xunta de Galicia. Unha delas é o Fondo de Compensación Ambiental, liña de concorrencia non competitiva, que asigna directamente ao Concello 59.893,19 euros, cos cales se van financiar as diferentes actuacións.

En materia de custos de funcionamento dos servizos municipais dedicados á protección do ambiente e do espazo natural contratarase un técnico de medio ambiente e urbanismo, por importe de 14.142,26 euros; e un operario de protección e mantemento de espazos naturais, por importe de 10.372,45 euros.

Ademais, mercarase equipamento, como un vehículo destinado a actuacións de protección do ambiente e do espazo natural, por importe de de 31.238,19 euros, IVE e imposto de matriculación incluídos; así como a compra desuxeita-colectores para o servizo de recollida de residuos, por importe de 4.137,28 euros.

Tamén se solicitou o financiamento dunha brigada de protección do ambiente e do espazo natural, conxuntamente co Concello de Guitiriz, con cargo á liña de concorrencia competitiva. Os gastos subvencionables son a contratación de persoal (brigada de cinco membros) durante tres meses, por importe de 24.112,10 euros, dos cales se solicita á Xunta de Galicia o 80%.

Por outra banda, A Xunta de Goberno Local acordou presentar o proxecto de obras de Mellora de camiños municipais en Sanche, Piñeiro e O Tarrelo para o seu financiamento con cargo ao Plan de Mellora de Camiños 2021-2022 de Agader, sendo a cantidade asignada a Xermade 57.451,00 euros, correspondentes ao importe do proxecto, excluído o IVE.

Trátase de tres tramos en Sanche, de 1,4 quilómetros en total, 2 en Piñeiro de 1,3 quilómetros e casi un en Tarrelo.

As vías repararanse con rego con gravilla, tal e como están construídos.

0.19981479644775