Xermade é esta fin de semana a capital da torneiros trala inauguración do XXIV Encontro
O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este venres xunto ao alcalde de Xermade, Roberto García Pernas, na inauguración do XXIV Encontro Internacional de Torneiros de Madeira, que se celebra ata este domingo no polideportivo da localidade chairega. A Deputación de Lugo colabora co Concello chairego, con 9.000 euros para organizar esta cita que, segundo explicou Pablo Rivera, “fortalece as tradicións locais e as proxecta ao mundo”.
“Este encontro fomenta a preservación e renovación desta forma de arte que pon en valor a madeira, que é unha potencia na nosa provincia”, sinalou o Deputado, para quen a madeira é “un recurso clave para a provincia desde o punto de vista económico, cultural e ambiental”. Sinalou ademais a importancia de que este evento atraia torneiros de diferentes países, pola oportunidade “excepcional” que se crea de intercambiar coñecementos e experiencias.
Enmarcou Rivera Capón a colaboración da institución provincial no “forte compromiso que temos coa cooperación cos concellos, unha liña fundamental na acción do noso Goberno”. E sinalou que “o rural ten iniciativa e talento, só necesita o respaldo das institucións e servizos públicos de calidade”. Nese sentido, o Deputado felicitou ao Alcalde e ao seu equipo “polo seu traballo para conservar este oficio tradicional” e destacou a importancia de continuar apoiando e fomentando ás novas xeracións de artesáns.
Este ano o encontro conta con expertos e profesionais do torno como Helen Bailey, Géronime, Pedro Calavero e Lolo Castro. Así mesmo, haberá exhibicións de pezas, demostracións en vivo, exposición de pezas e puntos de venda de distintos produtos artesanais de madeira.