Xermade e Guitiriz únense nun proxecto de compostaxe
Os concellos de Guitiriz e Xermade únense para levar a cabo un proxecto de fomento da compostaxe en ambos municipios, que vén de ser adxudicado a Alquienvas SL por un total de 26.551,53 euros.
O obxectivo deste proxecto é o de mellorar a prevención da fracción orgánica dos residuos municipais a través de tres eixos de actuación: sumando á compostaxe doméstica a 105 familias máis dos dous municipios e implantando a compostaxe escolar e a comunitaria.
No caso da compostaxe doméstica, que xa foi implantada en Guitiriz chegando a 80 familias pero Xermade aínda non conta cun programa deste tipo, ampliarase a outras 80 no municipio guitiricense e chegará a 25 familias de Xermade. O que se persegue é que, unha vez estea funcionando, sirva de modelo a seguir para que se sumen outros veciños e veciñas.
Para a compostaxe escolar escolleuse o CEIP de Xermade, que conta con 70 alumnos e alumnas de infantil e primaria con comedor nas instalacións. Esta actividade servirá para sensibilizar aos máis pequenos sobre a importancia da xestión dos bioresiduos.
Por último, a compostaxe comunitaria levarase a cabo en 3 zonas de Guitiriz con presencia de edificacións verticais e vivendas, sen xardín e con dispoñibilidade de zonas verdes municipais. O uso final do compost será por repartición entre os participantes, por pedido previo ou ben para uso do concello en labores de xardinaría municipal.
Este proxecto conxunto levará asociada unha campaña de comunicación e sensibilización sobre a compostaxe, formación e capacitación para a veciñanza e seguimento e control sobre o uso que se está a facer do servizo.