Xermade inclúe no Plan Único o cambio de bombillas, a reparación de accesos e contratación de persoal municipal

TerraChaXa
O Concello de Xermade ten listas xa as principais actuacións que incluirá no Plan Único da Deputación Provincial.
3 Abr 2018

O Concello de Xermade ten listas xa as principais actuacións que incluirá no Plan Único da Deputación Provincial. Polo momento, as principais accións serán o arranxo de estradas rurais e accesos a zonas urbanas ao que destinará un total de 155.000 euros e coas que se pretende mellorar o servizo aos cidadáns.

Ademais, tamén contratará tres traballadores a tempo parcial dentro do programa DepuEmprego. O obxectivo será aumentar o plantel municipal cun especialista en albañilería, un condutor para maquinaria municipal e un peón para o mantemento das instalacións municipais. Esta acción realízaa o concello de Xermade todos os anos coa intención de reforzar o traballo durante os meses de máis actividade e necesidade.

Finalmente, e tamén dentro do Plan Único, o Concello pretende comezar coa substitución das bombillas dos alumbrados públicos de luz amarela situadas nas casas particulares por bombillas tipo LED, de luz branca. O Concello iniciará este cambio co obxectivo de lograr o aforro enerxético e mellorar ao mesmo tempo a visibilidade nestas zonas. O cambio realizarase, segundo indicou o alcalde, Roberto García, comezando polas casas habitadas.

0.19350409507751