Xermade inicia hoxe unha semana En Negro
Un ano máis, o Concello de Xermade tinguirase de negro con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, xa que continuarán adheridos á campaña En Negro Contra As Violencias, acción colectiva de sensibilización social contra as violencias machistas que xorde no 2015 en Santiago de Compostela.
Así, dende hoxe e ata o 25 de novembro, realizarán diversas actividades. Este ano, conscientes das dificultades actuais para organizar accións presenciais, toman protagonismo os esforzos en actividades virtuais. Toda a veciñanza que queira colaborar, pode participar tinguindo o seu fogar, as rúas ou lugares de traballo de negro, e subir fotos relacionadas cos hashtag #XermadeEnNegro #EnNegro202 #ContraAsViolencias #GaliciaEnNegro #NonEstásSoa #QuerémonosVivas, para tinguir tamén de negro as redes sociais. O Concello tamén porá en negro as súas redes sociais.
ANDAINA E CONCENTRACIÓN
Ademais organizará unha andaina en tempos de covid. A actividade consistirá no reparto de paraugas co lema Xermade en Negro para que as veciños e veciñas se fotografíen polas rúas do Concello con estes paraugas. As fotos poden enviarse por correo electrónico a educadora.familiar@xermade.org ou no whatsapp 678 744 178 para a súa publicación nas redes sociais do Concello.
O acto central da semana será un acto conxunto que se celebrará na praza do Concello coa lectura dun manifesto e un minuto de silencio. Será o propio mércores 25 ás 12.00 horas. Farase unha foto con todos os participantes.