Xermade inicia o sábado un ciclo de charlas sobre a compostaxe polas parroquias

TerraChaXa
Despois de facer a da capitalidade estarán en Momán, Roupar e Cazás
charlas-compostaxe-xermade
15 Oct 2025

O Concello de Xermade pon en marcha un ciclo de charlas sobre compostaxe co obxectivo de fomentar o aproveitamento responsable dos residuos orgánicos e promover prácticas sostibles entre a veciñanza. As sesións, que se celebrarán en distintos puntos do municipio, incluirán tamén a entrega de composteiros ás persoas que o soliciten previamente.

A primeira das charlas terá lugar este sábado 18 de outubro, de 11:00 a 12:30 horas, na Biblioteca Municipal de Xermade. A seguinte cita será o sábado 25 de outubro na Escola de Momán, no mesmo horario. O ciclo continuará o 8 de novembro na Escola Habanera de Roupar e rematará o 15 de novembro na Escola de Cazás-O Calvario.

En todas as sesións, o persoal técnico explicará o funcionamento do proceso de compostaxe, resolverá dúbidas e ofrecerá consellos prácticos para un uso correcto dos composteiros. As persoas interesadas deberán inscribirse previamente chamando ao número 982 501 001.

Esta iniciativa conta co apoio da Xunta de Galicia e está financiada a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, impulsado polo Goberno de España e pola Unión Europea mediante os fondos NextGenerationEU.

⚙ Configurar cookies
0.078582048416138