Xermade prepara a súa Festa da Xuventude con comida popular

O vindeiro 18 de abril, o Polideportivo Municipal de Xermade acollerá a VIII Comida Popular da Festa da Xuventude 2026, unha cita xa consolidada no calendario festivo da comarca.
O evento dará comezo ás 14:00 horas cunha sesión vermú amenizada polo dúo Estrellas, seguida dun gran xantar popular cun menú composto por xamón cocido, polbo, churrasco mixto con criollo, sobremesa, pan, bebida, café e licor. O prezo do xantar será de 36 euros para adultos e 18 euros para nenos de 7 a 11 anos, sendo gratuíto para menores de 6 anos. Estes comerán peituga de polo con salchichas e patacas.
Pola tarde, a partir das 18:00 horas, a festa continuará coa música en directo do dúo Estrellas e co sorteo de agasallos. Tamén haberá colchonetas de balde para os pequenos.
As persoas interesadas en asistir deben inscribirse antes do 14 de abril e poden adquirir os tíckets nos establecementos Bar Casal e Bar O’Pita, Restaurante O Paso, Xermade Alimentación e Comercial Pita. Para máis información, poden contactar cos membros da comisión organizadora a través dos teléfonos dispoñibles no cartel do evento.
A cita está organizada pola Comisión de Festas de Xermade 2026, contando coa colaboración de diversos establecementos locais e do Concello de Xermade.