Na última sesión plenaria de carácter ordinario celebrada en Xermade no mes de febreiro, acordouse solicitar a distinción de festa de interese turístico de Galicia para o Encontro Internacional de Torneiros, que este ano 2022 celebra a súa XXII edición.
"Ao tratarse dun evento único en Galicia, no que se xuntan torneiros de relevancia internacional, dende o concello agardan que se acade este distintivo", explican dende o Concello.
Tamén se aprobou o cambio de uso dunha parte da parcela na que se ubica a reitoral de San Pedro Fiz de Roupar, para executar un parque infantil. Esta parcela vai ser adquirida polo concello, froito dun acordo co Bispado de Mondoñedo-Ferrol no que se inclúe a Reitoral de Xermade, pero con carácter previo debe segregarse a porción na que se ubica a reitoral. O parque infantil será executado con fondos do Plan Único 2022 da Deputación de Lugo.
Na parte de fiscalización e control, douse conta das subvencións solicitadas neste 2022 (entre elas o Plan Único 2022 da Deputación), así como dos envíos realizados á Oficina Virtual de Coordinación Financeira coas Entidades Locais do Ministerio de Facenda, entre eles o Período Medio de Pago do 4º trimestre de 2021, que é de 16,93 días.
No Pleno tamén houbo unha loubanza ao xuízo polo asasinato de Desirée Leal mostrando o apoio á familia, así como a da veciña de Candamil que sufriu un roubo con agresión no seu domicilio.