Xermade recibe un recoñecemento estatal polo proxecto do Centro Internacional da Torneiría

O Concello de Xermade foi distinguido polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) polo proxecto de rehabilitación da Casa Reitoral para acoller o futuro Centro Internacional da Torneiría. O galardón enmárcase no programa de boas prácticas do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, que este ano seleccionou 39 iniciativas exemplares en todo o Estado.
O MITECO distribúe estes recoñecementos en tres categorías: innovación, impacto ou efecto multiplicador e actuacións integrais. Xermade foi premiado nesta última modalidade pola creación dun espazo dixital con proposta innovadora de divulgación, investigación e creación arredor do oficio tradicional da torneiría, unha iniciativa que integra varias das liñas de actuación do ministerio.
O acto de entrega tivo lugar o xoves 11 de setembro no Colexio Oficial de Arquitectos de Madrid. En representación do Concello recolleu o premio a arquitecta xermadesa Luz Paz Agras, redactora do proxecto e codirectora das obras xunto con Marta Marcos Maroño. A celebración do pleno ordinario na mesma data impediu a presenza da Corporación municipal.
O Centro Internacional da Torneiría é un espazo dixital cun enfoque innovador de divulgación, investigación e creación arredor do oficio tradicional da torneiría, o que supón a abordaxe e integración de varias liñas de actuación do MITECO.