Xermade recoñece a José Mouriño como Fillo Predilecto
O Pleno da Corporación xermadina do mes de febreiro de 2023 aprobou, na parte resolutiva, o Regulamento de títulos, honras e distincións, como paso previo á concesión do título de fillo predilecto a José Mouriño Cuba, nado na parroquia de Lousada, unha petición realizada polo Partido Popular vía rogo no pleno de outubro.
Onte tivo lugar o Pleno extraordinario no que por unanimidade se aprobou o nomeamento de José Mouriño Cuba como Fillo Predilecto do Concello de Xermade pola súa traxetoria profesional en prol do sector agroalimentario galego en xeral e da Terra Chá e Xermade en particular.
Familiares, veciños e compañeiros de Mouriño, arrouparon ao Mouriño nesta sesión, na que se puxo en valor o seu traballo a prol de Xermade.
A Alcaldía designou ao concelleiro Antonio Riveira Requeijo como instrutor do expediente, a fin de que recabara os méritos de José Mouriño Cuba que o fan merecedor desta distinción.
Acadou o Título de Enxeñeiro Técnico Agrícola e de Licenciado en Ciencias Biolóxicas pola Universidade de Santiago. Pertence ao Corpo Especial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas do Estado e ao Corpo Facultativo Superior da Xunta de Galicia como Biólogo. Foi presidente e cofundador do Colexio de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de Ourense. Axudou a crear varias Denominacións de Calidade como medio de fomentar e acadar o proceso de industrialización agroalimentaria do campo en Galicia, entre os que destacan os Proxectos do Viño da Ribeira Sacra, Queixo de San Simón e Implantación da Agricultura Ecolóxica, entre outras varias, como a Castaña, Queixo do Cebreiro, etc.
José Mouriño Cuba tamén publicou Lousada, un berce de lecer, con poemas coa súa parroquia natal, a súa historia e os seus costumes como protagonistas.
O homenaxeado recibiu de mans do alcalde, Roberto García Pernas, un pin co escudo heráldico municipal e un diploma artístico, ademais dos dous tomos editados polo Concello do Premio Xermade na Historia. O acto, sinxelo e emotivo, rematou coas palabras de agradecemento de José Mouriño polo título concedido.
Considerou o pleno que o biólogo e enxeñeiro técnico agrícola natural de Ameixido, na parroquia de Santo André de Lousada, é merecedor da máxima distinción que pode conceder un Concello por ser “un gran impulsor do proceso de industrialización agroalimentaria en Galicia” e que, ademais, “sempre levou o nome de Xermade e a súa defensa por tódolos sitios”, tal e como defendeu o PP na súa proposta.
Os populares subliñan “o seu destacado currículo e o seu traballo á fronte da xefatura do Servizo de Industrialización e Promoción Agroalimentaria da Consellería do Medio Rural en Lugo, onde fomentou a creación de denominacións de orixe en Galicia – D.O. Ribeira Sacra, DOP San Simón da Costa, D.O. Queixo do Cebreiro, IXP Pataca de Galicia ou IXP Tenreira Galega- e a implantación da produción ecolóxica como ferramentas para dinamizar o agro lucense e loitar contra o despoboamento”.
Mouriño Cuba é tamén responsable de diversas investigacións e publicacións, libros e revistas e artigos en prensa que sentan cátedra. É Embaixador do Queixo do Cebreiro, Encomendador da Orde da Alquitara e Billó de Ouro ou membro da Academia Galega de Gastronomía, entre outras consideracións. Pero, “aos seus méritos profesionais únense os persoais e a calidade humana do persoeiro que traballou sempre para o pobo”.