Xermade reunirá en setembro aos mellores profesionais da tornería
O deputado de Medio Ambiente, Carlos López López, participou este venres na presentación do XXIV Encontro Internacional de Torneiros da Madeira, unha cita que reunirá neste concello a destacados profesionais da arte da tornería os días 20, 21 e 22 de setembro. Neste acto, que tivo lugar na biblioteca municipal, tamén participou o Alcalde de Xermade, Roberto García Pernas, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, entre outras autoridades. A institución provincial realiza unha achega económica a través do Plan Deputación 2024 de 9.000 euros para a organización deste evento.
Carlos López puxo en valor a proxección nacional e internacional deste encontro “para o municipio e tamén para toda a provincia de Lugo” e subliñou que “con esta cita teremos a oportunidade de recoñecer o traballo dos nosos artesáns que coas súas mans e a súa creatividade transforman pezas de madeira en auténticas obras de arte e, sen dúbida, os torneiros de Xermade son testemuñas viventes dunha herdanza que mantén viva a nosa historia e cultura”.
O deputado tamén agradeceu o esforzo dos participantes e organizadores na posta en marcha dunha cita coma esta, que leva celebrándose máis de 20 anos. “Grazas a vós, esta tradición continua viva e en constante evolución. A vosa paixón e compromiso son fundamentais para asegurar que as futuras xeracións tamén poidan gozar e aprender deste marabilloso oficio”, sinalou Carlos López.
Así mesmo, convidou a todos os veciños e visitantes a achegarse a Xermade durante esas datas e desexoulles “un encontro moi exitoso e enriquecedor, cheo de inspiración e aprendizaxe. Sigamos traballando xuntos para que a arte do torneado en madeira continúe sendo unha parte valiosa da nosa cultura”.
A programación desta 24ª edición dará comezo o venres 20 de setembro ás 10:30 horas e ao longo dos tres días de encontro as persoas que se acheguen ata Xermade poderán desfrutar de diversas actividades como o XXIV Encontro Internacional de Torneiros da Madeira de Galicia, obradoiros a cargo dos artistas Helen Bailey, Géronime, Pedro Calavero e Lolo Castro, exhibición de pezas dos participantes ou a XVI Exposición CONtornos, unha mostra composta por un total de 76 pezas elaboradas por artesáns do torneado.