Xermade: Ruta do río Trimaz

TerraChaXa
O percorrido discorre durante máis de 6 quilómetros pola ribeira e atravesa varios bosques de carballos centenarios
ruta-rio-trimaz-xermade-1
Ruta río Trimaz
15 Ago 2024

A ruta, que parte do barrio de Chao de Santa Mariña de Cabreiros, avanza desde a praia fluvial ata a coñecida Ponche de Bexín, situada no límite con Roupar.

No seu percorrido, discorre durante máis de seis quilómetros á beira do río Trimaz e atravesa varios bosques de carballos centenarios, concretamente os de Carballosa e Penachaíña.

O río Trimaz é un río que nace nos montes de Xermade e no seu curso alto atópase a lagoa ou charca do Alligal, entre as parroquias de Codesido e Santaballa, pertencentes ao concello de Vilalba. A unión do río Trimaz e o río Madalena, no lugar dos Pasos, no municipio de Vilalba, dan lugar ao río Ladra, polo que ambos son as súas fontes.

Comezamos o percorrido coa saída do Chao, en Cabreiros, desde a musealización da antiga Igrexa Parroquial de Santa Mariña de Cabreiros, onde se atopan os arcos e outros elementos da antiga igrexa, para seguir ata atopar o río Trimaz na Ponte da Acea, preto da área recreativa do mesmo nome e do campo de fútbol. Desprazámonos río arriba pola marxe esquerda, superando o Rego Chancelos ou Portosouto. Bordeando o río entre vexetación autóctona chegamos á ponte de Isabel II, construída en tempo da raíña, no ano 1863, para salvar o río ao paso da estrada Rábade–Ferrol. Preto atopamos a ponte sobre a estrada no seu novo trazado e seguindo río arriba pasamos por debaixo da autovía AG-64 Ferrol–Vilalba, vemos o antigo muíño da madeira, rehabilitado, e sobre a ponte da madeira cambiamos de lado para seguir subindo polo río ata a presa do Feal.

Presas e pontes humanizan o río acompañadas de árbores de ribeira. Atopamos a ponte do Aruxo, Portonovo, ponte e presa dos Carregás ata chegar á ponte Baxín, onde nos separamos do río Trimaz. Dirixímonos deixando atrás as frondosas fragas de Penachaiña, nas que se observa a actuación na procura de alimentos dos animais salvaxes que viven na contorna, como xabarís ou corzos. Por antigos camiños volvemos preto do Portonovo e ao atopar a estrada Chao–Cabreiros buscamos o leito do Rego dos Caxigás para seguir pola marxe dereita. Veremos alí o antigo muíño de Cabreiros, unha ponte de pedra e logo o muíño do Ferreiro, que ademais do edificio conserva unha antiga moa.

Bordeando a canle do muíño seguimos cara arriba e desviámonos polo Camiño vello da Carballosa, desfrutando da vistosidade das fragas do San Vitorio ou Carballosa. Chegando á cima iniciamos a baixada ao longo do monte do Espiño para buscar a fonte da Santa Mariña, na que, segundo conta a lenda, foi martirizada a Santa brotando tres mananciais onde caeu a súa cabeza ao ser decapitada.

Achegámonos cara o punto de partida para visitar o impresionante castro que conserva os vestixios do Xermade galaico-romano por proceder a súa construción da primeira época romana, cando a partir da invasión cambiaron os hábitos tradicionais dos habitantes dos castros en altura para baixar a cotas máis levadeiras e próximos a zonas aptas para o cultivo e o traballo da terra, iniciándose na agricultura e no coidado de animais domesticados. Atopamos de novo a autovía AG-64 para chegar ó núcleo do Chao, onde iniciamos a ruta pola parroquia despois de percorrer 14,5 km.

0.11809587478638