Xermade súmase ao ciclo estatal 'Cine e Mulleres Rurais' coa proxección de 'Prefiro condenarme' en Cabreiros

O Concello de Xermade incorpórase á VIII edición do Ciclo Nacional 'Cine e Mulleres Rurais', unha programación impulsada polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación para visibilizar o talento feminino no medio rural e ligada á conmemoración do Día Internacional das Mulleres Rurais do 15 de outubro. No marco da Invernada de Cine de Cabreiros, a cita traerá a proxección de 'Prefiro condenarme' o sábado 8 de novembro ás 18.30 horas na Casa Escola de Cabreiros, con entrada libre ata completar aforo.
A sesión incluirá un coloquio coa directora da película, Margarita Ledo Andión, e coa subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López Rodríguez. O ciclo combina pases presenciais e accións en liña, e percorrerá diferentes concellos do país entre o 15 de outubro e o 18 de novembro de 2025, poñendo o foco nas historias, nos oficios e nas contribucións das mulleres do rural.
Coa adhesión a esta iniciativa, Xermade reforza a súa aposta pola cultura cinematográfica e pola igualdade, sumando a película á programación da Invernada de Cine que se desenvolve en Cabreiros. A organización recomenda acudir con antelación para facilitar o acceso ao público asistente.