Xermade ultima a programación do Encontro Internacional de Torneiros
Xa está todo preparado para o XXIV Encontro Internacional de Torneiros da Madeira, unha cita que reunirá neste concello a destacados profesionais da arte da tornería os días 20, 21 e 22 de setembro.
A organización lembra a proxección nacional e internacional deste encontro “para o municipio e tamén para toda a provincia de Lugo” e subliña que “con esta cita teremos a oportunidade de recoñecer o traballo dos nosos artesáns que coas súas mans e a súa creatividade transforman pezas de madeira en auténticas obras de arte e, sen dúbida, os torneiros de Xermade son testemuñas viventes dunha herdanza que mantén viva a nosa historia e cultura”.
A programación desta 24ª edición dará comezo o venres 20 de setembro ás 10:30 horas e ao longo dos tres días de encontro as persoas que se acheguen ata Xermade poderán desfrutar de diversas actividades como o XXIV Encontro Internacional de Torneiros da Madeira de Galicia, obradoiros a cargo dos artistas Helen Bailey, Géronime, Pedro Calavero e Lolo Castro, exhibición de pezas dos participantes ou a XVI Exposición CONtornos, unha mostra composta por un total de 76 pezas elaboradas por artesáns do torneado.
A inauguración oficial do evento terá lugar o venres ás 12.30 horas e a clausura será o domingo ás 13.00.