Xermade xa ten gañadores do seu concurso de decoración de Nadal

TerraChaXa
No ámbito colectivo, o xurado distinguiu á Asociación de Veciños de Cabreiros como gañadora na categoría de establecementos comerciais
Decoración-de-Nadal-Sarria
28 Dec 2025

O Concello de Xermade deu a coñecer os resultados do V Concurso de Decoración de Nadal, unha iniciativa destinada a fomentar a participación veciñal e a creatividade durante as festas, tanto no ámbito doméstico como no comercial e asociativo.

Na categoría de vivenda, na modalidade de árbore de Nadal, o premio foi para Berta Ares López. Pola súa banda, a categoría de vivenda dedicada a nacemento ou belén quedou deserta ao non rexistrarse participación suficiente. No apartado de decoración xeral interior de vivenda, o galardón recaeu en Fernando González Corral, mentres que o premio á mellor decoración exterior foi para Marisol Corral Martínez.

No ámbito colectivo, o xurado distinguiu á Asociación de Veciños de Cabreiros como gañadora na categoría de establecementos comerciais e locais de asociacións veciñais pola súa decoración xeral.

De acordo co establecido nas bases do concurso, e ao quedar deserta unha das categorías, o xurado decidiu trasladar ese premio a outra das modalidades. Así, o premio inicialmente declarado deserto foi concedido ao negocio Kabelo’s, propiedade de María José Novás Ferreiro, en recoñecemento ao seu traballo decorativo durante o Nadal.

Desde o Concello de Xermade destacaron a calidade das propostas presentadas e agradeceron a implicación da veciñanza, asociacións e establecementos participantes, subliñando que este concurso contribúe a crear un ambiente festivo e a dinamizar a vida social e comercial do municipio durante estas datas sinaladas.

⚙ Configurar cookies
0.082152128219604