Xermolos celebra a tradición oleira de Bonxe coa presentación dun libro e un novo monumento no Paseo dos Soños

TerraChaXa
A primeira cita terá lugar o sábado 24 de xaneiro, ás sete da tarde, no Museo de Bonxe, coa presentación do libro de Mero Iglesias 'Formas, figuras e sombras na Terra Chá'
oleria-de-bonxe
19 Jan 2026

Xermolos celebrará este mes dúas xornadas dedicadas á posta en valor da histórica tradición oleira de Bonxe, baixo o lema Celebrando a olaría de Bonxe, cun programa que combina literatura, memoria colectiva e recoñecemento ás figuras máis representativas deste oficio.

A primeira cita terá lugar o sábado 24 de xaneiro, ás sete da tarde, no Museo de Bonxe, coa presentación do libro de Mero Iglesias Formas, figuras e sombras na Terra Chá, unha obra que afonda na identidade cultural e artesanal do territorio. O acto contará coa participación de diversas persoas vinculadas ao ámbito cultural e creativo, que acompañarán o autor nesta presentación.

A programación continuará o sábado 31 de xaneiro, ás doce da mañá, no Muíño do Rañego, en Vilalba, onde se celebrará unha homenaxe a Pepita de Bonxe coa inauguración dun monumento deseñado e labrado por Sonia Ferreiro e Marcos Ladra. A xornada incluirá un percorrido polo Paseo dos Soños e rematará cun xantar en común, para o que será preciso anotarse previamente.

As actividades contan coa participación de numerosas persoas do ámbito cultural e artístico e están organizadas pola asociación Xermolos, coa colaboración do Concello de Vilalba. A iniciativa busca reivindicar a importancia da olaría de Bonxe como parte fundamental do patrimonio material e inmaterial da comarca, así como recoñecer o legado das persoas que contribuíron a manter vivo este oficio tradicional.

Entre os asistentes estarán Raúl Galego, Mero Iglesias, Luís Miguel López, Andrés Rodríguez, Claudia Rodríguez, Eva Teixeiro, Xaneco Tubío, Orlando Vivero e Xulio Xiz.

⚙ Configurar cookies
0.085013866424561