Xermolos estrea a celebración do 50 aniversario coa publicación do calendario de 2026

A asociación cultural Xermolos de Guitiriz comeza a celebración do seu 50 aniversario, que se cumprirá en 2026, coa posta á venda dun almanaque conmemorativo no que repasa medio século de actividade vencellada á cultura galega, á música e á memoria colectiva.
O calendario, titulado Almanaque 2026. 50 anos de Xermolos, reúne ilustracións e fotografías achegadas por persoas colaboradoras e sinala datas clave na historia do colectivo. A entidade explica que escolleu o termo “almanaque” coa intención de recuperar unha palabra cada vez máis en desuso e de reforzar o carácter simbólico da publicación.
Xa dispoñible por cinco euros en distintos puntos de Guitiriz, como o pub Soa ou a libraría Castaño, o almanaque foi concibido en formato de parede, co obxectivo de estar presente nos fogares ao longo de todo o ano.
A portada parte do logotipo tradicional de Xermolos, transformado nun número 50, e é obra do artista local Diego Pena, colaborador habitual da asociación. O historiador Felipe Senén López participa cun debuxo para o mes de outubro, no que se lembra a data da constitución oficial do colectivo.
Cada mes recolle un contido específico relacionado coa traxectoria de Xermolos: desde a cabalgata de Reis Magos ou a Festa da Fala, ata os grupos musicais vinculados á entidade, o Bloquinho de Xermolos, a homenaxe aos mártires ou a presenza de figuras como Manuel María.
O calendario complétase con obras de creadoras e creadores premiados e cunha recompilación fotográfica de episodios significativos da mobilización social en Guitiriz.