Xermolos inaugura este sábado un novo monumento no Paseo dos Soños

Xermolos celebra este mes dúas xornadas dedicadas á posta en valor da histórica tradición oleira de Bonxe, baixo o lema Celebrando a olaría de Bonxe, cun programa que combina literatura, memoria colectiva e recoñecemento ás figuras máis representativas deste oficio.
A primeira cita tivo lugar o sábado 24 de xaneiro, ás sete da tarde, no Museo de Bonxe, coa presentación do libro de Mero Iglesias Formas, figuras e sombras na Terra Chá, unha obra que afonda na identidade cultural e artesanal do territorio. O acto contará coa participación de diversas persoas vinculadas ao ámbito cultural e creativo, que acompañarán o autor nesta presentación.
A programación continuará este sábado, 31 de xaneiro, ás doce da mañá, no Muíño do Rañego, en Vilalba, onde se celebrará unha homenaxe a Pepita de Bonxe coa inauguración dun monumento deseñado e labrado por Sonia Ferreiro e Marcos Ladra que se incorpora ao Paseo dos Soños, onde xa había 18 figuras conmemorativas. A xornada incluirá un percorrido polo Paseo dos Soños e rematará cun xantar en común, para o que será preciso anotarse previamente. Para abrir a xornada, e como é tradicional tamén haberá unha táboa redonda ao redor da protagonista e a súa arte así como ao resto de cacharreiros que a precederon.
As actividades contan coa participación de numerosas persoas do ámbito cultural e artístico e están organizadas pola asociación Xermolos, coa colaboración do Concello de Vilalba. A iniciativa busca reivindicar a importancia da olaría de Bonxe como parte fundamental do patrimonio material e inmaterial da comarca, así como recoñecer o legado das persoas que contribuíron a manter vivo este oficio tradicional.
Entre os asistentes estarán Luís Miguel López, Andrés Rodríguez, Claudia Rodríguez, Eva Teixeiro, Xaneco Tubío ou Orlando Vivero. O acto contará coa música de Raúl Galego e a dirección de Xulio Xiz.