Xermolos prepara a Festa da Fala para o 18 de maio

TerraChaXa
O colectivo celebra a súa traxectoria cun ano dedicado ás artes orais, conectando tradición, mocidade e creatividade en múltiples escenarios culturais
presentacion-festa-da-fala-xermolos
24 Apr 2025

A Asociación Xermolos reafirma unha vez máis o seu compromiso coa cultura galega, facendo da oralidade popular o fío condutor das súas actividades ao longo de todo o ano. Neste 2025, a entidade dedica as súas iniciativas á exaltación das artes orais, cunha programación intensa e diversa que une tradición e innovación.

Neste contexto, Xermolos rende homenaxe a Manuel García, o Capador de Sesulfe, figura central deste ano cultural e protagonista da revista que edita a asociación. A súa creatividade e legado oral son o eixo dunha celebración que se espalla polos centros educativos de Parga, Teixeiro e Guitiriz, cos que se colabora activamente. Dende o comezo, entóase o himno do Festival de Pardiñas —“Fun a Parga e Guitiriz, Guitiriz e máis Teixeiro, hoxe fun ao mundo enteiro”—, unha creación de Paco Ja musicada por Os Diplomáticos.

O mestre e músico Richi Casás, tamén presente nesta edición especial do ano cultural, é quen transmite ás novas xeracións este himno e outros elementos da nosa identidade, participando en obradoiros e concertos. Ademais da súa intervención nos centros escolares, destaca o obradoiro de regueifa realizado con membros do IES Basanta Silva de Vilalba, protagonistas tamén no espazo “A regueifa na Chaira”, durante o Festival de Pardiñas.

A Festa da Fala, o vindeiro domingo 18 de maio no San Alberte, será o gran encontro desta primavera. Unha romaxe aberta á cidadanía na que interveñen as comunidades escolares e se mesturan música, literatura, gastronomía e artesanía. Desde o 8 de maio haberá foliadas previas en todos os centros: actuacións como a de Lis Latas, profesor da Escola de Música de Xermolos, e as Foliadas en Guitiriz, Teixeiro e Parga, converterán a contorna nun fervedoiro de cultura viva.

Durante a Festa, Laura Romero presentará o libro A culpa foi de Zënzar. 35 anos de rock en galego, nun ambiente animado pola Escola de Música Tradicional de Xermolos. A cita será tamén un escaparate das publicacións de Xermolos: libros, revistas, cedés e cadernos dedicados á improvisación oral, ás cantigas, ás lendas, á música tradicional e ao patrimonio cultural da Terra Chá e outras comarcas.

Entre as novidades, destaca a estrea do libro de Manolo Castro Santamariña, A noite que se foi a luz, que mergulla o lector nun universo de lendas e costumes da nosa contorna: a Ponte de Dá, os Boedos, a Cova da Serpe...

Como colofón, proxectarase o documental A Requecha do Cando, sobre a poeta Xosefa Cabado, na vindeira Semana do Cine de Roca, en setembro.

Un ano máis, Xermolos demostra que a cultura galega, especialmente a oral, está máis viva ca nunca, e que é un patrimonio que se celebra, se comparte e se proxecta cara ao futuro.

⚙ Configurar cookies
0.13654780387878