Xermolos proxecta este venres en Guitiriz un documental sobre a atención sanitaria
A asociación Xermolos xunto ao Festival de Cine de Roca organizan unha nova proxección. Será o venres 31 de maio, ás 21:40 horas, na Casa Habanera, e proxectarase o documental DEP. Destruír é o Plan.
Despois da proxección terá lugar un coloquio con Manuel Martín, voceiro da Plataforma SOS Sanidade Pública, e Xoán Arias, ex traballador de enfermaría no centro de saúde de Guitiriz.
Trátase dun documental sobre os motivos polos que se afirma que a morte evitable en Galicia está aumentando. Un vídeo ameno e áxil, que conta coa colaboración de expertos e profesionais sanitarios, así como entrevistas e testemuñas.
Esta proxección forma parte dun ciclo co que Xermolos quere desenvolver unha programación cinematográfica durante todo o ano, unha sesión unha vez ao mes. Co nome Vaia Cine! iniciaron o pasado mes de xaneiro con Julia a partir dunha idea que xurdiu durante a celebración do Festival de Música de Cine de Roca.
A liña común destas películas será unha vinculación coa etnografía e a defensa dos dereitos humanos e da xustiza social e buscando a equidade de xénero ou a presenza do galego.
Na programación incluiranse filmes de actualidade así como outros estreados tempo atrás os cales se considera oportuno desde a organización recuperar polo seu interese social ou etnográfico.