Xermolos recibe o XIV Premio "Facer País" Ramón Piñeiro

TerraChaXa
A Asociación Cultural Val de Láncara concede o XIV Premio "Facer País" Ramón Piñeiro á Asociación Cultural Xermolos.
25 Out 2017

A Asociación Cultural Val de Láncara concede o XIV Premio "Facer País" Ramón Piñeiro á Asociación Cultural Xermolos.

Así o determinaba o xurado integrado por dez persoeiros en representación doutras tantas asociacións ou institucións da contorna no acto de votación das 25 candidaturas formalizadas e no que manifestaban a súa "satisfacción" pola designación de Xermolos como premiada "pola súa forte presenza en tódolos eidos da cultura, a súa loita a prol do espallamento e a dignificación dos valores da cultura tradicional galega, o seu compromiso coas comunidades locais e comarcais, a promoción da música e das súas variadas expresións -danza e artesanía popular- mantendo ano tras ano o Festival de Pardiñas como espazo de confluencia destas expresións e axentes culturais e o seu labor de enaltecemento e difusión da obra dos autores chairegos en particular e galegos en xeral, entre outros méritos".

O xurado destaca que "todos os seus membros, homes e mulleres, mozas e mozos, nenos e nenas, levan adiante o labor de FACER PAÍS coa súa activa presenza abríndose a novas iniciativas e coa xenerosidade de levar o seu ben facer e o seu exemplo por Galicia adiante".

A acta de designación do premio recolle tamén que "a Asociación Cultural Xermolos, nada nun pequeno concello que sofre decote os problemas da despoboación, o desleixamento e a perda da autoestima, ergueu a bandeira da dignidade sendo un exemplo para as moitas asociacións que no medio rural galego manteñen o herdo cultural e procuran novos camiños para facer máis fortes os vencellos de irmandade entre os cidadáns e as comunidades nas que os seus membros teñen presenza".

0.11147809028625