Xermolos retoma este domingo en Guitiriz as proxeccións de cine
A asociación Xermolos xunto ao Festival de Cine de Roca retomas as proxeccións de cine. Será o domingo 3 de novembro, ás 20:00 horas, na Casa Habanera, e poderá verse a película Buscando a Santa Compaña.
O audiovisual recolle a procura contrarreloxo dos últimos testemuños dun fenómeno que aterrorizou á poboación durante séculos. Fernando Cortizo, director de O Apóstolo, primeira película en animación stopmotion 3D, investiga a misteriosa lenda galega a partir da estraña maldición que padeceu a súa primeira película.
Esta proxección forma parte dun ciclo co que Xermolos quere desenvolver unha programación cinematográfica durante todo o ano, unha sesión unha vez ao mes, co nome Vaia Cine!
A liña común destas películas é unha vinculación coa etnografía e a defensa dos dereitos humanos e da xustiza social e buscando a equidade de xénero ou a presenza do galego.
Na programación inclúense filmes de actualidade así como outros estreados tempo atrás os cales se considera oportuno desde a organización recuperar polo seu interese social ou etnográfico.