Xoán Carlos Rilo presenta nas Pontes o seu novo disco da triloxía 'O ronsel do meu sentir'

O mestre gaiteiro Xoán Carlos Rilo visitará As Pontes para presentar o seu novo traballo discográfico, que pon o broche final á triloxía O ronsel do meu sentir. Este álbum inclúe composicións propias interpretadas coa dozura e sensibilidade que caracterizan ao artista.
O evento permitirá ao público gozar en directo do son da súa gaita, acompañada por audios nos que interveñen numerosos instrumentos de vento, corda e percusión. No proceso de gravación participaron vinte músicos profesionais, enriquecendo a proposta sonora deste proxecto. Ademais, o concerto contará coa colaboración especial do músico pontés Xurxo Iglesias.
A presentación terá lugar o venres 7 de marzo, ás 20:00 horas, na Casa Dopeso. A entrada será de balde.