Xoán Curiel porálle música á escrita das poetas galegas cun concerto en Burela
A Biblioteca Pública Municipal de Burela e a delegación de Cultura presentan a Xoán Curiel con Pobre poesía, un espectáculo xestado ao longo de anos poñendo música a mulleres poetas galegas (e puntualmente a poetas italianas, do Brasil e de Portugal). O concerto terá lugar no auditorio da Casa da Cultura de Burela o vindeiro sábado, 19 de outubro ás 18.00 horas. A entrada será libre e para público familiar.
Xoán Curiel presenta un novo espectáculo xestado ao longo de anos poñendo música a mulleres como Rosalía de Castro, Antía Otero, Rosalía Fernández Rial, Alda Merini e outras clásicas e tamén contemporáneas. Xoán tamén aporta algunha das cancións do seu primeiro disco “Nai”, adicado á figura da muller e á prevención da violencia de xénero en cancións como “Os Mares de Marte” que formou parte dun proxecto audiovisual para a prevención da violencia de xénero. Neste espectáculo Xoán fai fincapé da necesidade da presencia e visibilización das creadoras utilizando fundamentalmente a poesía e a metáfora por elas creadas que tanta inspiración teñen no artista.
Este concerto atópase dentro do programa Ler conta moito, de actividades de dinamización da lectura que promoven a igualdade entre homes e mulleres e a loita contra a violencia de xénero nas bibliotecas de titularidade municipal, integradas na Rede de Bibliotecas de Galicia.