Xogade coas motos chega ás Pontes
O Concello das Pontes será o escenario dunha das citas programadas para este 2024 do Xogade coas motos, a actividade motociclista do programa Xogade, dirixida por VF Timing e amparada pola Xunta de Galicia e a Federación Galega de Motociclismo. Será este sábado 31 de agosto, no Circuíto Municipal de Kárting das Pontes, de 10.00 horas a 14.00 horas e de 16.00 horas a 20.00 horas.
Grazas á colaboración da Concellaría de Deportes do Concello das Pontes, tódolos nenos e nenas comprendidos entre os 6 e os 15 anos terán a posibilidade de probar unha moto de competición por primeira vez dentro dun marco seguro, guiados por monitores experimentados e de xeito completamente gratuíto.
A finalidade do programa Xogade coas motos é que os nenos e nenas poidan descubrir se lles gusta o deporte do motociclismo, xa que se trata dunha primeira toma de contacto que lles permite achegarse a este deporte sen que os pais teñan que facer o investimento inicial, así como asesoramento para a súa práctica habitual en centros escolares, circuítos ou competicións. Os rapaces e rapazas participantes terán acceso gratuíto a motos, monos e cascos para realizar diferentes exercicios de destreza que serán dirixidos por monitores que avaliarán o seu nivel.
As persoas interesadas poden obter toda a información relativa a esta actividade e inscribirse accedendo á páxina web.