Xogadores de fútbol de toda a provincia xuntanranse en Burela no I All Star Fútbol In Lugo que se celebrará o 29 de xuño

TerraChaXa | AMariñaXa
4 Maio 2019

Burela acollerá a celebración do I All Star Fútbol In Lugo, que terá lugar o 29 de xuño. A organización convida a asistir a siareiros, xogadores e equipos directivos dos clubs de fútbol de toda a provincia a esta xornada de festa e convivencia. Ademais haberá dous partidos de fútbol, feminino e masculino, e renderase unha homenaxe a aqueles xogadores que esta tempada deciden deixar a práctica deste deporte.
Na presentación do evento, celebrada este mediodía, o concelleiro de Deportes en Burela, Ramiro Fernández Rey, dixo que “como concelleiro de Deportes estamos encantados e agradecemos que contaran con nosoutros para a celebración deste torneo All Star. Eu penso que é unha iniciativa positiva. Desde o Concello levamos toda esta lexislatura apostando por este tipo de eventos que ademais do tema deportivo, que é importantísimo xa que nosoutros estamos volcados co deporte, tamén é un atractivo turístico máis. Creo que ese día imos ter aquí a moita xente en Burela e penso que se van aproveitar tamén diso os hostaleiros e os comerciantes da nosa vila. Esta iniciativa é moi boa e creo que debería ter o apoio como o está tendo por parte do Concello”. E engadiu: “felicidades pola iniciativa e agradecer a Ares da Sociedade Deportiva Burela, que estivo aí desde o primeiro momento para axudar a sacar adiante este evento que esperemos que sexa un éxito. Animar a todo o mundo a que veña a Burela a disfrutar non só do deporte senón que teñen unha praia marabillosa, que é a da Marosa, que estou seguro que o 29 de xuño van poder aproveitar para darse un chapuzón”.
O alcalde burelés, Alfredo Llano, salientou que “en Burela é unha constante ter eventos deportivos que sexan singulares e motivadores. Imos ter a final da Copa da Raíña de fútbol sala feminino e procuramos ter actividades que sexan moi atractivas para os rapaces como campionatos a través de Indecum e en xuño van vir uns 700 chavales a un campionato de fútbol sala en diferentes categorías. Polo tanto, este evento que anunciamos agora ven culminar un proceso e unha característica do Concello de Burela que é apoiar o deporte en todas as súas manifestacións. Temos a preocupación de ter as instalacións deportivas ao cen por cen. Por iso penso que somos referencia porque recibimos ben e hai unha resposta moi boa de toda a xente de Burela á que lle gusta o deporte. Este torneo do 29 de xuño vai ser un elemento extraordinario para que o deporte sexa un referente social, económico e cultural. Nosoutros imos apoialo e está moi xustificado que o Concello estea aí. Queremos dar as grazas a toda a xente que dalgunha maneira colabora e engrandece o evento, e nosoutros aí estaremos para participar tamén dentro das nosas posibilidades”.
Iván Calaza, de Fútbol In Lugo, comentou que “é a primeira vez que facemos o All Star Fútbol In Lugo e queremos manifestar o noso agradecemento ao Concello de Burela por contar con nós desde o primeiro momento. Para pechar a tempada queremos que sexa un evento de convivencia e de festa do fútbol lucense. Remata a tempada os días 18 e 19 e queremos xuntar a maior parte de siareiros de toda a provincia, de xogadores, de equipos, de directivos e demais. Ese día teremos, como pratos fortes, dous partidos de fútbol feminino e masculino cunha selección de xogadores da provincia. O partido de fútbol feminino temos a idea de contar con 32 xogadoras cunha representación de todos os equipos da provincia. Actualmente son oito e a idea é facer un partido sección norte contra sección sur. Como queda algo descompensado ao ter na sección norte só o Burela lle engadiríamos xogadoras dos equipos da Milagrosa e a Comercial, que se enfrontarían a unha sección sur formada por xogadoras dos equipos de Antas, Carballedo e Chantada. Quedaríanos o Friol, que neste momento é o máximo expoñente do fútbol feminino da provincia pola categoría na que está, e as súas xogadoras se intercalarán nos dous equipos en función da súa procedencia”.
Calaza seguiu a relatar que “no partido de fútbol masculino de categoría senior estarán por un lado xogadores de equipos de Primeira e Segunda Rexional e por outro xogadores de equipos de Preferente e Terceira Rexional para intentar compensar un pouco. Selecciónanse aqueles xogadores que recibiron maior puntuación a través da nosa web. Ademais temos a idea de facer uns concursos e tamén faremos unha homenaxe a algúns xogadores que xa se sabe que esta tempada van colgar as botas despois dunha traxectoria contrastada, e a unha persoa moi especial para nós que faleceu este ano, que é Xosé Anxo Varela Canti e que amaba moito o fútbol lucense”.
No acto de presentación do All Star Burela 2019 participou tamén o presidente da SD Burela, Jesús Manuel Ares.

0.1682140827179