Xornada informativa sobre a ILP en Defensa do Bosque
O xoves 15 de febreiro, as entidades promotoras da Iniciativa Lexislativa Popular na Defensa do Bosque e contra os incendios Forestais, Cousa de Raíces e a Alianza por un Rural galego Vivo, organizan no Salón de Actos da Deputación de Lugo, a partir das 20.00 horas, un acto de presentación pública da ILP e unha mesa redonda sobre outras iniciativas sociais dirixidas a promover a defensa das especies propias, como a anterior ILP forestal, de finais dos anos 80, ou experiencias ligadas coa Universidade.
Intervirán Adela Figueroa Panisse, como membro da Comisión promotora da ILP, para explicar as razóns e os contidos da Iniciativa lexislativa, baixo o título da palestra “As razóns dunha ILP na defensa do bosque autóctono”.
A continuación, o Catedrático en bioloxía Ramón Varela Díaz fará un repaso á historia forestal de Galiza coa charla titulada “29 anos perdidos na política forestal galega”, facendo referencia á data na que o Parlamento galego rexeitou a primeira ILP forestal galega presentada en 1989, tamén co obxectivo de potenciar e favorecer a posta en valor das especies forestais propias e limitar o avance do eucalipto e doutras especies foráneas.
Pola súa banda, o profesor da Escola Politécnica Superior de Lugo, Emilio Carral, fará unha reflexión sobre as diversas iniciativas sociais e a cultura ambiental xerada arredor da defensa do bosque galego.
A mesa estará moderada por Froilán Pallín, secretario xeral de ADEGA. Durante o acto recolleranse sinaturas de apoio á ILP na defensa do bosque.