Xornadas de portas abertas na aula CeMIT de As Pontes desde o luns

O Concello das Pontes abrirá a súa Aula Cemit do 14 de xullo ao 1 de agosto, ambos incluídos, en horario de 17:30 a 21:30 horas, para ofrecer á cidadanía un espazo no que poder utilizar os equipos dispoñibles e resolver calquera dúbida relacionada co uso das novas tecnoloxías.
Esta iniciativa busca facilitar o acceso á tecnoloxía a todas as veciñas e veciños, permitindo resolver cuestións sobre o uso do ordenador, do teléfono móbil ou do certificado dixital, entre outros aspectos, contribuíndo así a mellorar as competencias dixitais da poboación.
Desde o Concello anímase a toda a veciñanza a achegarse á Aula Cemit, situada no Soto da Casa Dopeso, e aproveitar esta oportunidade para gañar autonomía no uso das ferramentas dixitais, evitando quedar fóra do mundo dixital e facilitando a realización de trámites en liña ou a comunicación a través das novas tecnoloxías.
“Achegádevos, non quededes fóra e aumentade as vosas competencias dixitais!” é a mensaxe coa que o Concello anima á cidadanía a participar nesta actividade.