Xornadas de portas abertas no aeródromo de Rozas
Un ano máis, o aeródromodo de Rozas organiza o Criterium Aeronáutico Galicia 2018, que realiza o Real Aeroclub de Lugo nas súas instalacións de Castro de Rei do 20 ao 25 de xullo deste 2018.
A XIII edición do Criterium Aeronáutico conta cunha ampla programación de actividades dirixidas a todas as idades. Haberá voos acrobáticos, saltos en paracaídas, carreiras de drones, voos en globo aerostático, exhibicións e demostracións de pilotos profesionais. Entre as novidades de este ano atópanse a patrulla de helicópteros acrobáticos ASPA, as aeronaves de Salvamento etc. Ademais, durante os cinco días que dura o evento deportivo, organizan exposicións de aeronaves e motos clásicas, sorteos de voos gratuítos así como actividades e xogos de balde para os máis pequenos.
Os interesados en inscribirse nalgunhas das actividades, como o salto en paracaídas, ou vos acrobáticos deberán reservar a praza en criteriumaeronautico@aerolugo.es no 982 31 01 14 ou nas oficinas da sede.
O deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos; a alcaldesa de Lugo en funcións, Ana Prieto Nieto; o presidente do Real Aeroclube de Lugo, Luís Abelleira Mayor e o xefe do Servizo Provincial de Deportes, Manuel Otero Méndez foron os encargados de presentar a XIII edición do Criterium Aeronáutico. Esta iniciativa está organizada polo Real Aeroclube de Lugo e conta cunha achega económica de 10.000 euros para a organización desta cita. O evento coincidirá, ademais, coa celebración da XXXV Volta aérea a Galicia – Volta Galaico Duriense.
Santos Ramos destacou que “é un privilexio poder contar na provincia de Lugo cunha proba destas dimensións, que, pola variedade e calidade das actividades que ofrece, xa que ten unha repercusión mediática internacional, ademais de supoñer un importante impacto económico que atrae a preto de 5.000 persoas, que pernoitan, comen e mercan en diferentes establecementos lucenses, o que sen dúbida dinamizará a economía local e provincial”.
Neste senso, Santos Ramos explicou que máis de 150 aeronaves e preto de 5.000 persoas, entre pilotos e afeccionados, daranse cita durante a vindeira fin de semana en Rozas, consolidando ao Criterium Aeronáutico como un referente do panorama nacional.
Prieto Nieto invitou as familias a coñecer este deporte e desfrutar do tempo de lecer, ademais convidou a todos os asistentes do Criterium Aeronáutico a achegarse a coñecer Lugo, as súas paisaxes e a súa gastronomía”.
Pola súa parte, o Presidente do Real Aeroclube de Lugo, explicou que esta cita ten un dobre enfoque, “por un lado deportivo para o goce dos pilotos que participan nos distintos campionatos, e por outro, divulgativo xa que un dos obxectivos que persegue é achegar o mundo da aviación ao público en xeral, permitíndolles participar nas diversas actividades que organiza”. E remarcou que “é unha cita na que os asistentes terán contacto directo cos equipos de aviación”.
A XXXV Volta aérea a Galicia – Volta Galaico Duriense celebrarase os días 20 e 21 de xullo, xunto ao resto de actividades do XIII Criterium Aeronáutico Galicia 2018.