Xosé Luis Mosquera gaña a IV edición do premio Díaz Castro de poesía

TerraChaXa
O escritor Xosé Luís Mosquera Camba foi o gañador da cuarta edición do Certame Díaz Castro de Poesía.
Xurado 1
24 Feb 2019

O escritor Xosé Luís Mosquera Camba foi o gañador da cuarta edición do Certame Díaz Castro de Poesía. A obra premiada, presentaba co lema Ada Murati, foi A traxedia da arquitectura.

O xurado, formado por Miguel Anxo Fernán Vello, Ánxela Gracián e Armando Requeixo escolleu de forma unánime esta obra entre as 4o presentadas e valorou da mesma "o excelente traballo de fusión e recreación das máis diversas tradicións poéticas para conformar un fulgurante collage, no que ecoan voces referenciais preceentes que constrúen unha estética do sincrético, panliteraria e en constante diálogo intertextual".

"O poema ilumínase a través dun elaborado proceso de decantación lectora, un instantaneísmo que reconfigura o texto, dende o onírico, o abstracto e a fractalización de planos, para espallar un novo molde resultante da converxencia de múltipeles achegas", salientaron tamén os membros do xurado. Estes quixeron destacar así mesmo a "excelente calidade dun número importante" dos orixinais presentados, o que evidencia "o estado de magnífica saúde da nosa poesía e a boa acollida do premio".

O xurado fixo público o premio na mesma xornada na que se presentou o libro gañador da terceira edición, Oracións profanas, de Xurxo Alonso, publicada por Espiral Maior.

O acto de comunicación do fallo do xurado e a presentación do libro contou coa actuación do grupo Amigos da Música de Guitiriz. Tivo lugar no Vilariño, aldea natal do poeta ao que se honra con este premio.

0.22368693351746