Xosé Manuel Felpeto prepara a presentación da súa primeira novela

TerraChaXa
Xosé Manuel Felpeto, de Cabreiros, ten preparada xa a súa primeira novela, O pau de ferro, que verá a luz antes de que remate o mes.
o pau de ferro xose manuel felpeto
9 Mar 2021

Xosé Manuel Felpeto, un home nacido, criado e amante de Cabreiros, ten preparada xa a súa primeira novela, O pau de ferro, que verá a luz o 27 deste mes.

Felpeto é unha persoa moi coñecida na vila que o viu nacer xa hai uns cantos anos, leva máis de 20 presidindo a asociación de veciños e é culpable dunha gran parte da actividade cultural da contorna.

Amante das letras, ten moita tradición na escritura, á que se achegou dende sempre, decidiu apostar pola novela. A idea levaba tempo rondando pola súa cabeza e finalmente decidiu rematar o proxecto e dar o salto final buscando un editor.

“Fixen sempre colaboracións con outras xentes, sempre coporativamente pero o que era editar eu só supoñía un paso grande e agora xa está dado”, relata.

Prexubilado de Endesa, Felpeto empregou os dous últimos anos neste proxecto, O pau de ferro, unha novela de pequenas cousas e grandes lembranzas.

Nela, seguimos a pegada na vida de Brais, dende o seu nacemento, nunhas condicións duras, ata os 25 anos, cando xa ten a súa vida encauzada.

Brais é un rapaz do rural, un rapaz que pon de relevo esas pequenas cousas da vida de todos, todas esas que están ao redor “esas pequenas cousas tan necesarias e amadas sempre preto de nós dende menos, ás que tanto lles debemos”.

Afirma Felpeto que non é autobiográfica pero ao mesmo tempo todos os lectores poderán atopar nela un trozo da súa alma, e moitas das súas lembranzas.

“Aqueles que xa a leron coinciden en sinalar que hai pasaxes nos que se atopaban eles mesmos, porque son vivencias que todos os que nacimos entre os 50 e os 80 podemos ver reflectidas, igual os máis novos están máis desubicados pero a intención non é esa”, recalca.

O pau de ferro recolle tamén seis ilustracións de Leandro Lamas. Cando o autor apostou por incorporar esta apoio visual á súa historia “en quen ía pensar máis que en el, ademais de amigo e compañeiro ten unha grandísima calidade artística”, explica.

“O que intentei con este libro é que reflectira unha amizade, a comunicación entre xeracións, a sapiencia dos nosos maiores e lembrar detalles como a escola unitaria, as mestras de antes, esas pequenas cousas que son a vida mesma”, conclúe.

Polo de pronto, O pau de ferro chegará ás librerías este mes con moito retraso debido ao confinamento. Tiña como data de presentación prevista o mes de abril do pasado ano pero decidiron deixar pasar o tempo á espera de que mellorara a situación sanitaria. O autor xa fixo pública a portada e para o interior… pouco tempo de espera queda.

0.18596196174622