Xosé María López Fernández gaña o certame #HoxeEscriboEn co relato 'O fío no tempo'

A Biblioteca Provincial da Coruña acolleu a entrega dos premios do certame literario #HoxeEscriboEn 2025, organizado polas áreas de Cultura e Turismo en colaboración coa propia biblioteca. O primeiro premio foi para Xosé María López Fernández, veciño das Pontes, polo relato O fío no tempo, unha obra inspirada no mosteiro de Monfero.
O segundo galardón recaeu en Francisco Ascón Belver, de Oleiros, por A tardiña de San Xoán, ambientado na praia de Langosteira en Fisterra, mentres que o terceiro posto foi para Raquel Martínez Rodríguez, de Arteixo, por Onde está Velázquez?, centrado nas Meninas de Canido en Ferrol.
A deputada de Cultura, Natividad González, destacou durante o acto “o talento literario de todos os participantes, que nos permite viaxar por distintos lugares da provincia a través dunha mirada única e diferente”. Tamén puxo en valor o traballo conxunto das áreas de Cultura e Turismo e da Biblioteca Provincial “na consolidación dun certame que xa vai pola súa quinta edición e que cada ano suma máis relatos”.
O concurso, que busca fomentar a creatividade literaria, incentivar a escritura e a lectura e difundir o patrimonio cultural e turístico da provincia, premia ás persoas gañadoras con estadías en establecementos rurais e cabanas, ademais de lotes de produtos con selos de calidade e sustentabilidade.