Xove comezará unha escavación no castro de San Tirso de Portocelo

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
O Concello de Xove comunicou que o vindeiro 28 de setembro dará comezo á intervención arqueolóxica no castro de Mechiluíde, na área arqueolóxica de San Tirso, na parroquia de Portocelo.
abril
31 Ago 2020

O Concello de Xove comunicou que o vindeiro 28 de setembro dará comezo á intervención arqueolóxica no castro de Mechiluíde, na área arqueolóxica de San Tirso, na parroquia de Portocelo.

O xacemento está catalogado no Inventario de Xacementos Arqueolóxicos da Subdirección Xeral de Conservación e Restauración de Bens Culturais (GA27025002) como unha fortificación da idade do ferro, século V-I a.C..

A actuación terá lugar na parcela de titularidade municipal e consistirá nunha escavación en varias sondaxes de tres semanas de duración, así como varias datacións radiocarbónicas, que permitirán unha mellor definición cronolóxica do xacemento. O lugar consta de dous elementos ben diferenciados que constitúen un importante foco de interés: o castro costeiro situado no saínte da liña de litoral, e as ruínas da antiga igrexa parroquial de San Tirso. 

A empresa encargada dos traballos será Argos Arqueoloxía e o equipo estará formado por catro arqueólogos profesionais de contrastada experiencia tanto no territorio galego coma no resto da península e no estranxeiro. 

Esta actuación responde á estratexia levada a cabo polo Concello dende o Departamento de Investigación Social e Turismo, pola que se pretende resaltar como signo de identidade de Xove a antigüidade da vida no seu territorio e os vestixios que dela se conservan, como demostran os máis de trinta xacementos arqueolóxicos e a destacable importancia dalgúns deles; como a mámoa de Guilán, a máis grande da Mariña, ou o círculo de Lavandeiras, o maior coñecido ata o de agora en España.

O obxectivo principal da estratexia é, ademais da investigación e da conservación do Patrimonio de Xove, a especialización e o aumento dunha oferta turística non só na contorna municipal, senón tamén na comarcal. Con ela pretenden dotar de información histórica arqueolóxica a un elemento patrimonial e turístico de gran valor, redundando tamén na potenciación das rutas que pasan a carón da área arqueolóxica de San Tirso como os Camiños Naturais da Ruta do Cantábrico e a Ruta da Senda Costeira de Xove.

0.15392994880676