Xove emprende en Galego, unha campaña de fomento das empresas en galego

TerraChaXa | AMariñaXa
15 Xan 2019

O Concello de Xove presentou os vídeos Xove emprende en Galego,  unha campaña de fomento do emprendemento e a actividade empresarial en galego que o director xovense Xacio Baño gravou no pasado mes de outubro para o Concello colaborando co Departamento de Emprego e Desenvolvemento ao abeiro dunha subvención da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.
Con este proxecto preténdese difundir a cultura emprendedora poñendo en valor o propio, fomentando o uso do galego entre as persoas emprendedoras, empresarias e traballadoras; incrementar a conciencia de que o uso do galego pode favorecer as relacións empresariais, laborais, comercias, no proceso de busca de emprego e na creación de empresas principalmente; e promover o establecemento da oferta positiva de atender á clientela en galego como práctica habitual.
Cres que se alguén che fala castelán no teu negocio, ti debes falarlle castelán ou que é correcto falarlle en galego se o entende perfectamente?, por que cres que moita xente nesta situación cambia de idioma pasando ao castelán?”, empregas o galego nas túas redes sociais? Estas son dúas das preguntas sobre ás que contestaron as 6 persoas emprendedoras do municipio entrevistadas para a realización desta campaña, a saber: Fabián Ben, Iván González, Marta Louzao, Nacho Rodríguez, Samuel Míguez e Lucía Canoura.
Estes vídeos están gravados no galego propio de cada persoa entrevistada, non tendo porque ser galego normativo, pero na lingua escrita si se emprega a normativa; escollemos esta maneira para que fose natural e fluída a entrevista. Todas as persoas interesadas podan velos a través da internet.
Xacio Baño
Xacio Baño atópase na promoción de TROTE,  a súa primeira longametraxe que está recollendo prestixiosos recoñecementos e loanzas, entre os que podemos destacar a súa selección para a participar no Festival de Locarno (Suiza) e para o 66 Festival de San Sebastián e a súa inclusión polo xornal El Mundo entre as dez mellores películas españolas deste ano 2018. Con Trote, Xacio leva Galicia e ao galego máis aló das nosas fronteiras.
https://youtu.be/yMzOL6_4wTk

0.18301892280579