Xove encarga un sondeo arqueolóxico en San Tirso e remata o paseo dos dolos de Morás

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
11 sep 2019

Na súa aposta pola recuperación do patrimonio e da paisaxe e polo impulso do eido turístico, o Concello de Xove destina fondos para encargar un sondeo arqueolóxico nas ruínas de San Tirso, en Portocelo, que se veñen sumar aos 17.000 euros xa invertidos o ano pasado. A capela do lugar edificouse sobre un monasterio derruído e tamén sobre un antigo castro. A entidade municipal adquiríu os terreos, no que aínda se conserva un foso.

Daquela, unha empresa especializada fixo un sondeo e houbo que empezar os trámites con Patrimonio para a súa valoración.

Está nunha zona enriba do mar, de xeito que o alcalde cre que ben se pode construír un miradoiro, e tamén está en plena ruta da costa. Hai por certo outro miradoiro, este de aves, na parroquia xovense de Lago. A ruta costeira, de 14 kilómetros, tamén pasa polo observatorio.

RUTA ETNOGRÁFICA. Aparte, a dirección de Costas entregou o proxecto de recuperación da antiga baleeira, de xeito que se demoleron vellas edificacións, de feito a antiga baleeira estaba en ruínas e utilizábase como almacén. Quedou unha rampa de varada por onde subían as baleas capturadas. Recuperouse asemade a zona, onde poden verse paneis informativos sobre como se facía a pesca da balea. Paralelamente, creouse un paseo ata o peirao que acaba de rematarse.

Neste paseo pódense ver os denominados dolos, unhas estructuras en forma de T, algunhas pintadas de cores, de grandes rochas que se utilizaron para construír os peiraos e diques. O alcalde de Xove asegura que son dos máis grandes do mundo, comparables mesmo cos de Fukushima ou con outros situados nos Estados Unidos, e datan, moitos deles, de cando se construíu o dique norte de Alcoa.

0.10335397720337