Xoves na Biblio inicia hoxe os espectáculos e obradoiros infantís de xaneiro nas Pontes

A Biblioteca Municipal das Pontes acollerá ao longo do mes de xaneiro unha nova edición do programa Xoves na Biblio, unha iniciativa cultural dirixida ao público infantil e familiar que combina teatro, circo e actividades creativas. Todas as citas terán lugar ás 18.00 horas, principalmente na Casa Dopeso, e requiren inscrición previa na biblioteca.
A programación arranca esta tarde co espectáculo Circo na biblioteca, a cargo de Dani Blanco, unha proposta pensada para nenos e nenas a partir de 3 anos. A seguinte cita será o xoves 15, coa representación de Hotel Paraíso, da compañía Galeatro, recomendada para público a partir de 4 anos.
O xoves 22 será a quenda dos máis pequenos, con Pipo, o paxaro que non sabía voar, de Trémola Teatro, un espectáculo especialmente dirixido a bebés de 0 a 3 anos. A programación pecharase o xoves 29 cun obradoiro creativo titulado Creación de marcapáxinas, impartido por Dido-Arts, destinado a nenos e nenas a partir de 5 anos, que se desenvolverá na Biblioteca Municipal.
Esta iniciativa está organizada polo Concello das Pontes a través da súa Biblioteca Municipal, coa colaboración de diferentes compañías e entidades culturais, e ten como obxectivo fomentar o gusto pola lectura e a cultura desde idades temperás, ofrecendo alternativas de lecer educativo de calidade.