Xunta, Concello e Ence presentan nas Pontes o proxecto da papeleira

TerraChaXa
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, asegurou este xoves que a fábrica de papel tisú que Ence proxecta no municipio converterá As Pontes no "centro dun polo de economía circular" e beneficiará a máis dun centenar de pequenas e medianas empresas.
presentacion ence papelera as pontes
8 Xul 2022

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, asegurou este xoves que a fábrica de papel tisú que Ence proxecta no municipio converterá As Pontes no "centro dun polo de economía circular" e beneficiará a máis dun centenar de pequenas e medianas empresas.

Conde, que participou, xunto co alcalde, Valentín González Formoso, e o conselleiro delegado da empresa, Ignacio Colmenares, na presentación do proxecto ás entidades locais, destacou a "colaboración" das administracións e a firma para "dar resposta ás necesidades industriais da comarca de Ferrolterra, unha vez que se decidiu pechar a central térmica".

A planta supón, explicou o conselleiro, "unha iniciativa nova a nivel internacional" que permitirá "desenvolver unha tecnoloxía para recuperar papel e cartón" para producir tisú. Pero, sobre todo, puxo en valor o rol de Ence como "empresa tractora" que terá un "impacto moi grande en pemes dedicadas á loxística, o transporte, o mantemento, a recollida de materia prima, etc".

O conselleiro de Economía explicou que este proxecto súmase a outras que se presentaron a semana pasada para a zona, como a planta de hidróxeno verde que impulsa Reganosa ou a de pneumáticos de Sentury, que, lembrou, "xa iniciaron a súa tramitación".

"O máis importante é que as administracións colaboremos", incidiu Conde, que agradeceu a implicación do Concello das Pontes e do Goberno central a través dos fondos europeos, así como o "compromiso de Ence con Galicia". "Este proxecto é complementario, nunca alternativo, a Lourizán e, de feito, nas Pontes vai utilizar unha parte da produción que se xera en Lourizán".

Pola súa banda, o alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, agradeceu "o traballo de Xunta e empresa para que este proxecto sexa unha realidade" e adiantou que "aquí atoparán todas as facilidades do mundo para que o sexa e para recuperar e consolidar a vocación industrial das Pontes".

"Hoxe é un día importante, porque, pese ao momento complexo e incerto que vive o municipio, a iniciativa de Ence permite poñer en valor As Pontes como emprazamento industrial", concluíu.

0.089714050292969