Xunta e Concello acusan á Deputación de bloquear a recuperación da Torre de Caldaloba

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e o alcalde de Cospeito, Armando Castosa, explicaron que a Deputación de Lugo non puido rexistar a compra de parte da Torre de Caldaloba, en Cospeito, debido a un proceso irregular e malitencionado no que ignoraron o dereito de tanteo exercido en prazo polo Goberno galego.
O delegado aclarou que, ao contrario do que a Deputación intenta aparentar, “neste asunto foi sempre por detrás da Xunta e do Concello, e inmiscuíuse nun proceso que tiñamos en marcha co único afán de enredar e torpedealo desde o primeiro momento”.
Cómpre lembrar que a Xunta e o Concello redactaran un convenio de colaboración o 25 de febreiro do 2022 para a adquisición do 100% deste Ben de Interese Cultural, que foi asinado o 6 de xuño; de feito, Castosa sinalou que o Concello xa chegara a un acordo para mercar dúas das tres propiedades particulares nas que se atopan a torre e o foso defensivo.
Pese a ter coñecemento deste proceso, a Deputación acordou a compra da terceira finca -propiedade de dúas persoas-, comunicouno á Xunta o 4 de agosto do 2022 e formalizaron a escritura de compravenda o 21 de outubro do mesmo ano, sen agardar a que transcorreran os tres meses de prazo establecidos no artigo 49 da Lei de Patrimonio Cultural de Galicia para exercer o dereito de tanteo.
O Goberno galego exerceu este dereito en debida forma e prazo o 3 de novembro, dando traslado á Deputación, ao Concello de Cospeito e aos propietarios implicados. A confirmación de que a venda se consumara antes de tempo chegou polo recurso destes últimos alegando que xa non ostentaban a titularidade, dado que o Goberno provincial en ningún momento comunicou esta cuestión fundamental.
Aínda que a Deputación sabía do exercicio por parte da Xunta do dereito de tanteo, intentou inscribir o ben no Rexistro da Propiedade de Vilalba; sen embargo, este notificoulles, en data 22 de decembro, que a escritura estaba “viciada de nulidade” o que “provoca un peche rexistral que impide a inscrición a favor da Deputación”; o motivo é que obviamente non puideron acreditar que a Xunta non exercera o dereito de tanteo.
O delegado indica que esta actitude “xa demostra unha forma de actuar, pero nin sequera entón cesaron no empeño de poñer paus nas rodas, simulando xestionar axudas para a Torre cando eran conscientes de que non prosperarían porque partían dunha situación de nulidade das actuacións, e por suposto culpando á Xunta dunha parálise que eles mesmos crearan”.
Posto que ignoraron o exercicio do dereito de tanteo, a Xunta non tivo outra opción máis que exercer o dereito de retracto, tal e como acordou no Consello de Goberno do 1 de xuño do 2023, circunstancia pública e notoria.
Arias afirma que a Deputación actuou “con absoluta irresponsabilidade, porque a Torre xa sería propiedade do Concello de Cospeito e dos seus veciños, como estaba previsto, se non fora pola súa interferencia; a Xunta financiaba a compra por parte do Concello, e este si tería lexitimidade para solicitar as axudas e acometer as obras de rehabilitación necesarias, ao ser o propietario único do 100% do ben”.
“E agora, lonxe de desistir e deixar o camiño libre, na audiencia previa celebrada hai uns días no xulgado, solicitaron un aprazamento de dous meses do proceso xudicial de retracto para negociar un acordo polo que non parecen ter un interese real, porque non se puxeron en contacto coa Xunta”.
Arias censura a actuación da Deputación, que considera “unha burla aos veciños e veciñas da provincia” e “a constatación de que se serven de calquera escusa, incluso do patrimonio cultural, para intentar obter réditos políticos”.
