Xunta e Concello de Castro de Rei abordan varias iniciativas de interese local

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, reuniuse co alcalde de Castro de Rei, Francisco Balado, para abordar diferentes asuntos de interese para o concello.
Entre as colaboracións máis recentes, Arias subliñou a concesión de 25.000 euros para substituír 73 luminarias da capitalidade municipal por unhas novas con tecnoloxía LED, a través dunha das liñas de axudas convocadas este ano pola Dirección Xeral de Administración Local.
Así mesmo, a Consellería de Economía e Industria colabora co Concello na mellora da xestión de residuos e a renovación da sinalización horizontal do polígono de Castro de Ribeiras de Lea. Ambos proxectos reciben 23.800 euros con cargo ás achegas para modernizar infraestruturas dos parques empresariais galegos.
Por outra banda, Arias tamén anunciou que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP ven de formalizar o contrato para executar as obras de reforma do pavillón do CEIP Veleiro Docampo, adxudicadas por 469.900 euros.
Os traballos teñen como obxectivo principal mellorar as condicións de salubridade e de eficiencia enerxética do edificio. A intervención levarase a cabo en varias fases e está previsto que a primeira comece en outubro, cun prazo de execución de seis meses.